---------------
Ante o pasamento de D. Xosé Neira Vilas, o reitor da Universidade da Coruña, D. Xosé Luís Armesto Barbeito, en nome de toda a comunidade universitaria, expresa o seu pesar ante a perda de tan senlleiro escritor, autor do imprescindible libro “Memorias dun neno labrego”.
D. Xosé Neira Vilas foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña o 16 de xaneiro de 1998, sendo o seu padriño o catedrático de Lingua e Literatura Galega Xosé María Dobarro Paz.
A Universidade da Coruña valorou a concesión do máis alto grao académico ao excelentísimo señor don Xosé Neira Vilas, polos relevantes méritos que concorrían na súa persoa como escritor, capaz de recrear cun fondo lirismo o mundo das vivencias cotiás e pola súa permanente defensa da lingua e da cultura galegas como vieiros para tender lazos de entendemento entre ambas beiras do Océano Atlántico.